Wednesday 22 de May de 2024

O Cocido Interxeracional de Entroido celebrarase o domingo 25 de febreiro


Á venda os tickets para participar no encontro, que terá lugar no pavillón municipal Ale de Paz con xantar, música e sorteo de cestas

O Cocido Interxeracional de Entroido xa ten data. Celebrarase o domingo 25 de febreiro, a partir das 14:00 horas, no seu escenario habitual, o pavillón municipal Ale de Paz. Trátase dun encontro veciñal ao redor da mesa para degustar os produtos típicos destas datas e compartir unha xornada festiva, con actuación musical incluída.
Así, as persoas interesadas en asistir xa poden retirar os seus tickets no departamento municipal de Servizos Sociais. Ata o venres 23 de febreiro. O prezo para os residentes en Neda menores de 14 anos é de 10 euros, e de 20 para os maiores desa idade. Así mesmo, no caso de veciños e veciñas doutras localidades, o custe é de 25 euros.
O menú da xornada inclúe sopa e cocido a base de grelos, patacas, lacón, costela, panceta, orella, chourizo e tenreira. Complétase con refrescos, viño e auga, torradas de sobremesa e café. Ao remate do xantar, dará comezo a actuación de Jorge Latino, con propostas musicais para todos os gustos, clásicos e temas actuais. Por último, e como vén sendo habitual, no transcurso da cita sortearase entre os asistentes diferentes cestas con produtos típicos destas datas.